ENCONTRO INTERNACIONAL DE EXPERTOS
wateRScapes

PAISAXES DA AUGA:
UNINDO O PASADO CO FUTURO
Ribeira Sacra 6 – 8 de novembro de 2023

O grupo de expertos reunidos na Ribeira Sacra (Galicia, España).

Nós, os expertos reunidos no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil con motivo do Encontro Internacional “Paisaxes da auga: unindo o pasado co futuro”, irmandado co evento “Auga, Cultura e Patrimonio” celebrado en paralelo en Amsterdam (Países Baixos);

Agradecendo ás autoridades da Xunta de Galicia a súa cálida hospitalidade á hora de acoller e organizar o encontro, coa colaboración do Programa MaB (Home e Biosfera) da UNESCO, a Rede Global de Xeoparques, o Programa Hidrolóxico Intergobernamental (PHI) da UNESCO, o Comité Nacional Español do ICOMOS, o Comité Científico Internacional da Auga e do Patrimonio do ICOMOS (ISCWH), o Comité Científico Internacional das Paisaxes Culturais (ISCCL-ICOMOS-IFLA), a Alianza das Paisaxes Culturais e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Autónoma de Madrid e Ca’ Foscari de Venecia;

Recoñecendo que a auga foi e é un elemento que estrutura e configura as paisaxes dende as orixes, sendo protagonista dunha parte esencial do legado cultural da humanidade, e que forxou ao longo dos séculos unha extraordinaria variedade de paisaxes culturais, en particular en ámbitos fluviais, onde a obra humana se fundiu coa natureza, alumeando territorios únicos cicelados pola memoria e o presente da auga;

Afirmando que a cultura da auga nestes lugares se reflicte nun patrimonio excepcional que inclúe xacementos arqueolóxicos, obras hidráulicas de todas as épocas, cultivos e sistemas de rega ancestrais, arquitecturas vernáculas, sistemas de aproveitamento da auga, rutas fluviais, patrimonio industrial hidráulico e outras expresións culturais intanxibles, tales como as prácticas tradicionais da xestión da auga, crenzas e usos rituais relacionados e que é imprescindible para o sustento das poboacións locais;

Convencidos da necesidade de preservar, difundir e poñer en valor este multifacético patrimonio, estratéxico nun contexto de crise climática, que alberga un inmenso repertorio de sistemas, coñecementos, estruturas e artiluxios que ao longo da historia permitiron aos humanos aproveitaren e dominaren este elemento vital para a súa supervivencia, con expresións identificables en forma de canles, pólders, qanats, alfajs, chinampas, norias, muíños hidráulicos, encoros, presas e centrais hidroeléctricas entre outros, que exemplifican algunhas das innumerables obras que ilustran a odisea humana da auga;

Tendo en conta a profunda interdependencia que existe entre o patrimonio cultural inmaterial ou patrimonio vivo e o patrimonio material cultural e natural asociado ás paisaxes culturais da auga;

Recoñecendo que as paisaxes da auga e algunhas das obras que albergan foron referentes simbólicos, espazos sagrados ou lugares cheos de espiritualidade ou beleza, cun significado moi especial para moitos pobos, asociándose con acontecementos excepcionais ou a tradicións vivas;

Sabedores ao mesmo tempo, da fraxilidade e vulnerabilidade destas paisaxes da auga e os seus hábitats, e as fortes ameazas ás que están sometidas, e da conseguinte necesidade de implantar iniciativas específicas de salvagarda e activación patrimonial;

Conscientes da necesidade de superar o enfoque imperante ata agora, que considera a xestión da auga, e o patrimonio cultural asociado, como ámbitos excluíntes, limitando a capacidade de aproveitar as experiencias e os activos do pasado para os desafíos actuais e futuros da xestión sostible da auga;

Convencidos da necesidade de adoptar un enfoque integrado e sostible no mantemento dos servizos ambientais dos ecosistemas acuáticos de auga doce, que inclúa a provisión de múltiples bens como a subministración de alimentos, a irrigación de cultivos, o abastecemento de auga potable, a regulación hídrica, o turismo, o transporte fluvial ou a xeración hidroeléctrica, actividade esta última que contribúe significativamente á redución de emisións e á mitigación do cambio climático;

Subliñando a necesidade de estimular a investigación científica e a formación en materia de protección, conservación e xestión das paisaxes culturais da auga e dos patrimonios hídricos que conteñen;

Conscientes de que as paisaxes culturais da auga son lugares útiles para probar solucións innovadoras para a xestión sostible da auga, incluíndo a preservación dos ecosistemas acuáticos e o recoñecemento do patrimonio cultural relacionado, abrindo o camiño para acadar o ODS 6 e contribuír ao ODS 13, ODS 14 e ODS 15;

Recoñecendo que a auga ten sido lugar de encontro e xénese das civilizacións e culturas, hoxe é máis prioritario que nunca reivindicar o patrimonio cultural da auga como unha das forzas motrices da cultura da paz entre os pobos do planeta;

Á luz das orientacións establecidas na Axenda de Acción pola Auga das Nacións Unidas (2023), a Convención sobre a Protección do Patrimonio mundial, cultural e natural de 1972, a Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (2003), nos obxectivos do programa MAB da UNESCO, e no resto dos convencións, programas e acordos internacionais que inciden na preservación da biodiversidade acuática e das súas paisaxes, no papel dos sistemas fluviais no desenvolvemento sostible e no recoñecemento das culturas da auga;

E inspirados nos termos da Declaración sobre Auga, Cultura e Patrimonio dos participantes da conferencia “Auga e Patrimonio: Conectando Pasado, Presente e Futuro” en Nova York (2023).

 

FACEMOS AS SEGUINTES RECOMENDACIÓNS:
A todas as partes interesadas

1. Promover diálogos intersectoriais que conecten os profesionais da auga e do patrimonio, os científicos, os decisores, as administracións locais, os custodios tradicionais e outras organizacións interesadas a nivel local, nacional e internacional.

2. Promover a creación de foros de expertos para impulsar o recoñecemento do valor e da importancia das paisaxes culturais da auga, tendo sempre presentes ás persoas que habitan o territorio.

3. Apoiar ás comunidades locais para que elas mesmas poñan en marcha mecanismos axeitados de xestión que solucionen as súas necesidades actuais respectando o seu patrimonio relacionado coa auga.

4. Incorporar e recoñecer o patrimonio vivo relacionado coa auga nas políticas e programas de xestión da auga, conservándoo e poñéndoo en valor.

5. Desenvolver unha axenda temática para a investigación sobre a importancia do patrimonio biocultural relacionado coa auga para abordar os retos de xestión futuros.

6. Promover o interese por “aprender do pasado” e engadirlle valor ás intervencións futuras relacionadas coa xestión da auga.

7. Promover reunións e contribucións científicas específicas sobre as áreas temáticas de interese común que contribúan a suplir os baleiros do coñecemento ecolóxico tradicional e actual sobre as paisaxes culturais da auga.

8. Identificar casos de estudo e boas prácticas de xestión, incluíndo as de salvagarda do patrimonio inmaterial asociado á auga;

9. Apoiar o lanzamento e consolidación da Plataforma “Auga, Cultura e Patrimonio” recomendada polos participantes na Conferencia das Nacións Unidas sobre a Auga en marzo de 2023, no evento “Auga e Patrimonio: Conectando o Pasado, o Presente e o futuro”, organizado polo Comité Científico Internacional da Auga de ICOMOS e outros colaboradores.

Á UNESCO

10. Apuntalar o papel dos sitios da UNESCO na preservación e posta en valor das paisaxes culturais da auga e o seu patrimonio asociado.

11. Apoiar os estados parte para que presenten novas candidaturas de paisaxes culturais da auga que contribúan a unha Lista do Patrimonio Mundial máis representativa, equilibrada e crible.

12. Instar o Programa MaB coa Rede Mundial de Reservas da Biosfera e a Rede Global de Xeoparques a identificar as paisaxes acuáticas da auga no seu seo, como lugares de especial interese para promover iniciativas innovadoras de desenvolvemento sostible dirixidas á xestión da auga e do patrimonio, comprometidas co clima e coa participación das comunidades locais.

13. Fomentar a inscrición de novos elementos significativos do patrimonio vivo da auga nas listas do Patrimonio Cultural Inmaterial e no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda, dada a súa escasa representación.

14. Instar a UNESCO para que promova a investigación dentro do Programa Hidrolóxico Intergubernamental (PHI) sobre o significado de sitios patrimoniais de carácter natural ou cultural, incluíndo o seu significado para a mitigación e adaptación ao cambio climático.

Aos Organismos asesores

15. Promover a creación dun grupo de traballo entre o ISCCL (Comité Científico Internacional de Paisaxes Culturais) e o Comité Científico Internacional da Auga e do Patrimonio do ICOMOS (ISCWH) sobre as paisaxes culturais da auga.

16. Propoñer ao Grupo Especialista en Valores Culturais e Espirituais das Áreas Protexidas da UICN (Unión Internacional de Conservación da Naturaleza) e ao Comité Científico Internacional do ICOMOS sobre Lugares de Relixión e Rituais (PRERICO) o lanzamento de iniciativas que aborden o patrimonio vivo da auga.

17. Instar o ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) e a UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) a apoiar o desenvolvemento de estudos temáticos sobre as paisaxes culturais da auga e o patrimonio asociado a diferentes ámbitos rexionais.

18. Formular orientacións, incluídos estudos de caso e intercambio de experiencias e boas prácticas, sobre o emprego dun enfoque inclusivo e holístico para o recoñecemento, a gobernanza e xestión das paisaxes culturais da auga.

19. Promocionar estudos temáticos, nacionais e locais no marco da “Plataforma Auga, Cultura e Patrimonio”, relacionados co patrimonio da auga e o seu significado, orientados especialmente á preservación de sistemas agrícolas aterrazados, paisaxes con muíños de auga e enerxía hidroeléctrica, canles en medio urbano e rural, sistemas de rega, modos de gobernanza, así como prácticas espirituais e visións relixiosas.

20. Instar á “Plataforma Auga, Cultura e Patrimonio” a organizar debates nacionais e internacionais, así como conferencias sobre a auga en foros internacionais como o X Foro Mundial da Auga (Bali, Indonesia, 2024), os congresos da UICN, UNFCC COPs, as semanas rexionais da auga e os encontros de ICOMOS e TICCIH, tales como a conferencia xeral de ICOMOS en Malasia de 2025.

Á FAO

21. Apoiar exemplos de paisaxes culturais da auga no marco do programa dos “Sistemas Importantes do Patrimonio Agrícola Mundial” (SIPAM), considerados como sitios esteticamente impresionantes que combinan a biodiversidade agrícola con ecosistemas resilientes e un valioso patrimonio cultural, tendo en conta o significado patrimonial da cultura da auga entre os criterios de avaliación.

Aos gobernos e administracións públicas

22. Identificar e elaborar inventarios das paisaxes culturais da auga relevantes, incluíndo o patrimonio cultural relacionado, actualizados regularmente.

23. Preparar inventarios do patrimonio vivo asociado á cultura da auga presente en cada territorio e fomentar a súa actualización.

24. Promover o recoñecemento do valor e da importancia das paisaxes culturais da auga, especialmente nas contornas fluviais.

25. Crear un marco axeitado que facilite ás autoridades e comunidades locais actuar en beneficio do seu patrimonio hídrico e da súa xestión, seguindo as recomendacións suxeridas pola Estratexia Europea do Patrimonio para o Século XXI.

Programa

6 de novembro

09:30-10:00 h | Presentación do Encontro Internacional

Mónica Luengo Añón. Directora del Encuentro Internacional

10:00-11:00 h | Conferencia Inaugural

O papel das Reservas da Biosfera e os Xeoparques
na xestión da paisaxe e o desenvolvemento sostible.

António Abreu. Director da División de Ciencias Ecolóxicas e da Terra da UNESCO, Secretario do Programa MAB

11:00-11:30 h | Pausa café

Sesión 1: As paisaxes culturais da auga: novas visións e conceptos
Condutora: Mónica Luengo Añón

11:30-12:00 h | Conferencia

Auga e patrimonio como un medio de vida
Henk P. J. van Schaik. Vicepresidente Honorario do Comité Científico Internacional ICOMOS Auga e Patrimonio

12:00-12:30 h | Conferencia

A auga na paisaxe, paisaxes da auga: carácter, valores e desafíos de xestión sostible
Rafael Mata. Catedrático de Análise Rexional, Universidade Autónoma de Madrid Secretario da Comisión de Seguimento do Plan Nacional de Paisaxe Cultural

12:30-13:30 h | Inauguración

Representantes. Institucións
Abou Amani. Director da División de Ciencias da Auga e Secretario do Programa Hidrolóxico Intergubernamental da UNESCO
María del Pozo. Secretaria Xeral da Alianza de Paisaxes Culturais e Sitios Afíns Patrimonio Mundial

Concerto

Concerto coa peza musical “Archimedes’s Dreams”, encargado polo ISCWH, do compositor Evan Fein, interpretado por Camerata Arven.

13:30-15:00 h | Almorzo
15:00-16:30 h | Mesa redonda

A auga, elemento xerador de paisaxes
Moderadora: Mónica Luengo Añón
Alexandra Lotz. Representante do sitio Patrimonio Mundial de Augsburgo
Rubén Lois. Universidade de Santiago de Compostela
Isabel Aguirre. Arquitecta Paisaxista. Irmandade Ribeira Sacra

Sesión 1: tarde

Condutora: Mónica Luengo Añón
16:30-17:00 h | Conferencia

Paisaxe, Patrimonio e Auga – factores inseparables para a adaptación climática
Jurn Buisman. Secretario Xeral de ICOMOS

17:00-17:30 h | Conferencia

Auga e Patrimonio no futuro: unindo disciplinas
Diederik Six. Embaixador especial da Auga e o Patrimonio

17:30-18:00 h | Pausa café
18:00-19:30 h | Mesa redonda

Paisaxes da auga, un patrimonio vivo
Moderador: Mónica Luengo
Susana Fontinha. Coordinadora candidatura PM Levadas de Madeira
Miquel Vadell. Experto da Paisaxe de Serra de Tramuntana

Programa

7 de novembro

Sesión 2: Valores das paisaxes da auga: patrimonio, tecnoloxía, desenvolvemento sostible

Condutor: Cipriano Marín. Iniciativa RENFORUS-UNESCO

09:30-10:00 h | Conferencia

Ponencia pendiente
Tino Mager. S.X. do Comité Científico Internacional ICOMOS Auga e Patrimonio

10:00-10:30 h | Conferencia

A arquitectura da saúde pública – as centrais de bombeo de auga
James Douet. Consultor na Conservación do Patrimonio Industrial

10:30-11:00 h | Conferencia

Ponencia pendiente
Miguel Ángel López García. Director da Cunca Sil. Iberdrola

11:00-11:30 h | Pausa café
11:30-12:00 h | Conferencia

O patrimonio da auga, a ciencia e a tecnoloxía na
Convención do Patrimonio Mundial: estudos temáticos

Michel Cotte. Profesor emérito Universidade de Nantes, Advisor ICOMOS

12:00-12:30 h | Conferencia

Os valores das paisaxes da auga transformados polas presas
Carlos Nárdiz. Doutor Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos

12:30-14:00 h | Mesa redonda

Valores patrimoniais das paisaxes da auga
Moderador: Cipriano Marín
Juliana Strogan. Patrimonio Mundial Rjukan-Nodotten
Chiara Ronchini. Secretaria Xeral As Grandes Cidades Termais de Europa
Xoan Carmona. Universidade de Santiago de Compostela

14:00-15:00 h | Almorzo

Sesión 3: Os saberes tradicionais como base do futuro

Condutor: Mario Crecente. Coordinador da candidatura de Ribeira Sacra

15:00-15:30 h | Conferencia

Paisaxes fluviais en Arxentina: actualidade dos
saberes tradicionais para a xestión da auga.

Alfredo Conti. Profesor, Universidade Nacional de La Plata, Arxentina

15:30-16:00 h | Conferencia

Significado da auga en sitios naturais sagrados fluviais: unha aproximación
Josep Maria Mallarach. Comisión Mundial de Áreas Protexidas (UICN)

16:00-16:30 h | Conferencia

A Lagoa de Venecia e o coñecemento tradicional
dos pescadores na historia da súa “conservación”

Helner Krellig. Cátedra UNESCO Universidade Ca’Foscari

16:30-17:00 h | Conferencia

Ao borde da auga: unha perspectiva biocultural para a gobernanza das paisaxes da auga
Jessica Brown. Grupo especializado en paisaxes protexidas IUCN-WCPA

17:00-17:30 h | Pausa café
17:30-19:00 h | Mesa redonda

Coñecemento tradicional e os retos do futuro
Moderador: Mario Crecente
Xosé Manuel Vázquez. Especialista en Patrimonio Inmaterial Ribeira Sacra
Celia Martínez Yáñez. Profesora Universidade de Granada; Membro do Board de ICOMOS
Alberto Plata. Responsable da Fundación Valle Salado de Añana

19:00-19:15 h | Aprobación da Declaración de Ribeira Sacra
sobre paisaxes da auga: unindo o pasado co futuro

Representante da Consellería de Cultura, Educación, F.P. e Universidades

19:15-19:30 h | Lanzamento e promoción da iniciativa:

Auga e Patrimonio: Conectando o pasado, o presente e o futuro
Representante. ISCWH.

Cerimonia da auga

Mario Vázquez Carballo. Deán Presidente do Cabido da S. I. Catedral de Lugo

COLABORAN

Teléfono

(+34) 981 900 700

Email

info@waterscapesribeirasacra.com